Saturday 04 de May de 2024

O polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra acollerá o Festival de Entroido de Lousame o sábado 6 de febreiro


Este ano non haberá Concurso de Disfraces e os premios serán sorteados entre todos os participantes, premiando así a participación fronte ao investimento que se faga no disfraz

O Concello de Lousame celebrará o próximo sábado 6 de febreiro o seu gran Festival de Entroido, que terá lugar entre as 17:00 e as 19:00 horas no pavillón municipal “Pilar Barreiro Senra” (A Silva). Un festival que este ano presenta unha novidade: non haberá Concurso de Disfraces, que pasará a convertirse nun Desfile de Disfraces.

A concelleira de Xuventude, María Regenjo, explica que “queremos premiar a participación, non os cartos que a familia pode investir nun disfraz. Por iso os premios serán sorteados entre todos os nenos que participen no Desfile de Disfraces, polo que todos terán as mesmas oportunidades de levar un premio”. Entre os premios que se sortearán entre os nenos e nenas figuran unha tablet, un ipod, unha cámara DX Acción, reprodutores de MP4, un pack gaming, un lector de libros, lotes de libros, material deportivo, xoguetes, pulseiras fitness… e mesmo un dron.

O Desfile de Disfraces estará aberto a nenos e nenas de ata 17 de anos, distribuídos en catro categorías: de 1 a 5 anos, de 6 a 10 anos, de 11 a 13 anos e de 14 a 17 anos. As inscricións poden realizarse o mesmo día do festival, en horario de 16:30 a 17:30 horas. Todos os nenos/as que veñan disfrazados recibirán un agasallo.

O Desfile de Disfraces ocupará un dos tres espazos diferenciados nos que se dividirá o pavillón. O outro espazo está destinado ao xogo. Nel haberá obradoiros, inchables, unha sesión disco para os máis pequenos e diversos xogos. O terceiro espazo será unha zona para os pais e nais que se acheguen ata o polideportivo. Paralelamente, seis voluntarias estarán toda a tarde elaborando in situ filloas, que repartirán totalmente de balde canda catrocentas racións de chocolate quente e trescentas orellas.